Manifiesto
“NON
AO PAGO DA DÉBEDA”
NIN UN
RECORTE MÁIS
FÓRA
OS GOBERNOS DA TROIKA
PAN,
TRABALLO E TEITO PARA TODOS E TODAS
No 2014 atopámonos ante unha
situación extremadamente difícil, unha situación límite, de emerxencia social,
que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora á
cidadanía e aos pobos.
Millóns de traballadores e
traballadoras atópanse sen emprego. Ter unhas mans para traballar, ter unha
carreira rematada, dispor da túa capacidade tanto manual como intelectual e non
atopar un traballo digno é humillante. Estase a desperdiciar o talento
colectivo dunha sociedade, hipotecando indefinidamente o seu futuro. Os traballadores
e traballadoras non se merecen este atropelo á nosa dignidade colectiva.
Centos de miles de familias
perderon a súa casa. Non hai nada máis inhumano que desaloxar unha familia do
seu fogar só para alimentar a voracidade insaciábel duns banqueiros sen
escrúpulos. Banqueiros aos que os estados servos da Troika (Fondo Monetario
Internacional, Banco Central Europeo e Comisión Europea) alimentan a custa de
empobrecer aínda máis a clase traballadora e as persoas máis indefensas.
Mentres, a patronal, aproveitando
o drama do paro masivo, aperta as caravillas coa rebaixa dos salarios e das
condicións de traballo ás persoas que aínda teñen un emprego. Traballadores e
traballadoras que, ante a difícil situación, non poden nin sequera cuestionar o
seu papel de meros explotados/as polo capital. O sistema intenta obrigarnos a
amosarlles agradecemento aos empresarios, convertidos polo sistema en
benefactores da sociedade. É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as
persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro.
A nosa mocidade non ten
posibilidade de forxar un proxecto de vida digno coas actuais políticas e vese
abocada a buscar a vida no estranxeiro como antes fixeron os nosos pais e avós.
Dicimos non a un sistema
patriarcal que nos arrastra a épocas do pasado, roubándonos o dereito a decidir
sobre os nosos corpos, negándonos a capacidade para decidir sobre se queremos
ou non ser nais, provocando a volta aos fogares para dedicarnos á crianza.
Estamos sufrindo as políticas
executadas polo goberno do PP ao ditado da Troika, consistentes no roubo de
dereitos e o empobrecemento xeralizado da maioría social. Estas políticas, que
se fundamentan no pago dunha débeda ilexítima que non contraeron os cidadáns e
cidadás, son produto da especulación bancaria e os excesos dos distintos
gobernos.
Privatizan o rendíbel mentres nos
recortan o orzamento en saúde, ensino, dependencia, transportes públicos, auga,
enerxía, comunicacións, servizos sociais, etc., o que redunda negativamente nos
nosos dereitos cidadáns. Rinse dos nosos maiores, que sofren unha enorme perda
do seu poder adquisitivo, ao tempo que ven como os seus aforros de toda a vida
están secuestrados pola estafa bancaria das preferentes e outros produtos
financeiros delituosos.
O goberno do PSOE, co apoio do
PP, modificou o artigo 135 da Constitución para lle dar prioridade ao pago da
débeda frente aos dereitos e necesidades das persoas. Xustificárono dicindo que
viviramos por riba das nosas posibilidades e que había que ser austeros e, xa
que logo, era imperativo recortar o déficit. No entanto, non houbo ningún
recorte á hora de inxectar decenas de miles de millóns de euros para salvar os
bancos e os especuladores.
Están aproveitando a crise para
recortar dereitos. Estas políticas de recortes están a causar sufrimento,
pobreza, fame e incluso mortes, e todo para que a banca e os poderes económicos
sigan tendo grandes beneficios a expensas das nosas vidas.
Porque nos roubaron a liberdade.
Ao capitalismo sóbranlle as liberdades e os dereitos da maioría social. É
un sistema que procura exclusivamente o beneficio privado duns poucos e que nos
leva inexorabelmente a unha catástrofe medioambiental e social de alcance
incalculábel.
Para
a maioría social esta crise-estafa está a significar un xigantesco drama
humano. Porén, para unha insignificante minoría supón un gran negocio. E cando
se protesta, sempre obtemos a mesma resposta: a represión e criminalización do
sindicalismo de clase e dos movementos sociais. É un sistema que precisa a
represión para se manter e que debe ser superado coa loita na rúa.
A descomposición do réxime
xurdido da Constitución do 78 faise evidente debido aos mesmos elementos
presentes no seu nacemento, rexime que tivo lugar en contra do pobo, está
corroído pola corrupción e non ten ningunha lexitimidade. Os dereitos e
liberdades fóronnos roubados para favorecer os intereses dunha minoría e
asegurar os seus beneficios, os mesmos que nos levaron a este estado de
excepción social, a base de desmantelar a educación e a sanidade públicas, de
reducir drasticamente as pensións dos nosos maiores, de se apoderar das nosas
vivendas e de pechar empresas, e despedir milleiros de traballadoras e
traballadores.
Os distintos Gobernos sitúanse
fóra da legalidade, converten en negocio os dereitos que tanto custou
conquistar e sustentan a corrupción, un feito xeralizado mais non independente
do sistema económico, que forma parte da estrutura mesma desta sociedade e é
indispensábel para o seu desenvolvemento. Tanto os corruptores como os que se
deixan corromper forman parte deste sistema inxusto de produción e distribución
da riqueza.
Chamamos os pobos a que exerzan a
súa soberanía, alzando a súa voz de abaixo arriba, democraticamente, para
construír un proceso constituínte que garanta realmente as liberdades
democráticas, o dereito a decidir e os dereitos fundamentais das persoas.
Dende a MARCHA DA DIGNIDADE 22M,
consideramos que é importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e
contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a
xustiza social.
Unha mobilización contra o pago
da débeda, polo emprego digno, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas
liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por
unha sociedade de homes e mulleres libres, unha mobilización contra un sistema,
un réxime e uns gobernos que nos agreden e non nos representan.
Esiximos, xa que logo, que se
vaian. Que se vaia o Goberno do PP e, tamén, todos os gobernos que recortan
dereitos sociais básicos, todos os gobernos que colaboran coas políticas da
Troika.
Por iso, facemos un chamamento a
encher de dignidade e rebeldía a capital do Estado español, Madrid, o 22 de
marzo. Ese día chegaremos columnas de todas as latitudes da Península a Madrid
e convocamos os madrileños e madrileñas a sairen á rúa e incorporarse a esa
gran mobilización da maioría social.
PAN, TRABALLO E TEITO
Á RÚA, QUE XA É HORA”
No hay comentarios:
Publicar un comentario