domingo, 8 de marzo de 2015

MEMORIA DO ACEITE


Os documentos de finais da Idade Media falan de que na Galiza había cultivo de oliveiras e produción de aceite e que foron os Reis Católicos quen mandaron cortar parte delas. Xoán Costa fai memoria do aceite galego e afonda nas razóns políticas para a súa desaparición. 
Xoán Costa,  domingo 08 de marzal de 2015
oliva
 Se fixermos a proba de saír á rúa e preguntarmos a quen pasar que sabe da produción de aceite na Galiza o máis probábel é que nos ollase con cara de estrañeza e nos dixese que na Galiza non se produce aceite. Mesmo no dicionario da Real Academia Galega, a entrada “oliveiral” (plantación de oliveiras) exemplifica: Os oliveirais andaluces. Tal, e tanta, é a ignorancia e a desvalorización do noso. Voltando á pregunta, aquelas e aqueles máis ao día, mesmo poderían indicar que, efectivamente, hai produción de aceite alá pola parte de Quiroga e que se comercializa en lugares moi específicos. Engadirían, seguramente, que a produción é pequena, sen estimar que é a máis alta das posíbeis. E iso é todo.
Mais o certo é que na toponimia galega abundan, de Manzaneda a Corcubión e de Vigo a Trabada, as referencias á presenza de oliveiras no territorio. Numerosos son os lugares chamados Olivar, Oliveira, Camiño do Olivar, O Corgo das Oliveiras, O Agro da Olveira, e outros como Oívas que, por perder foneticamente o /l/ intervocálico apunta para a presenza desta árbore na Galiza desde as mesmas orixes do idioma. Forma antiga (Oívas) que se mantivo como nome de lugar, documentado, en “Moa d’ Oívas” nome que apunta directamente para a extracción, mediante muíños, do óleo procedente das belotas. Cabe tamén reparar no nome dado ao froito da oliveira: belota. Nin os dicionarios galegos actuais nin os portugueses recollen esta forma para designar o froito da oliveira (reservado para o froito do carballo, a aciñeira e a sobreira) mais nos textos consultados (textos notariais de Oseira, séculos XIV e XV) é a única forma mencionada, non documentándose nunca a forma “azeitona”, forma que si aparece, cen anos antes, na poesía, en Afonso X, por exemplo, ao lado de “oliva”. Outro día poderemos falar de porque nos textos notariais non aparece a forma “azeitona” nin “oliva” e pola contra nos textos literarios non aparece “belota”.
"O cultivo e a produción aparece pois documentado nos anos finais da Idade Media. Cóntase que cara a fin deste  período os Reis Católicos  mandaron arrincar parte das oliveiras". 
Tirando vós o azeite por vosa custa
O dito anteriormente confirma que a presenza da árbore era habitual, érao mesmo como árbore que forma parte da liturxia de Domingo de Ramos, e que en determinados momentos, como confirma a documentación, tamén se extraía o óleo das belotas. Dísenos claramente nun documento de Oseira de fins do século XIV : 
“Et aynda vos damos huna terça do nosso oulivar et nos dedes as duas terças das belotas et o dizemo delas, et tirando vos o azeyte darnos edes a meatade del. (Oseira,1383) 
Corría pois por conta do arrendador “tirar o azeyte” desas “belotas”. Da forma en que o facía pouco coñecemos, mais cabe supor que sería con moas como as conservadas en Bendillo (Quiroga) e outros lugares como as referidas no topónimo Moa d' Oívas. 
Algúns anos máis tarde, no mesmo lugar, insístese na mesma idea: 
Et aynda vos darnos a sesta parte do nos oulivar et nos dedes as duas terças das belotas et o dizemo delas, et tirando vos o azeite por vosa custa darnos edes a meatade del et o dizemo. ) (Oseira, 1399)
Mais cara a finais do finais do século XV na propia zona de Oseira comeza a substitución de oliveiras por viña: 
... afforam a Gomes da Granja et a sua moller ... a leyra de Sobre lo Olivar et da Pereyra, et a leyra do Chaao et a da Maçayra, avia todo a arrincar et poer de baçello et ellas asi postas en sua vida et de sua moller... (Oseira 1473) 
se ben se manten aínda a produción: 
“... aforam a Gonsalvo das Quartellas et a Alvaro do Rigeyro et a suas molleres et a senllos fillos o olivar de Santa Cruz ...  anno de lavrar et repar, et dar aa metade das belotas colleytas por suas custas et levadas a adega de Santa Cruz, seo non lavrarem que perca o foro”
... e nisto chegou Olivares
O cultivo e a produción aparece pois documentado nos anos finais da Idade Media. Cóntase que cara a fin deste período os Reis Católicos mandaron arrincar parte das oliveiras. Pode ser, mais non encontramos referencia a tales instrucións. O que si sabemos é que na primeira metade do Século XVII o Conde Duque de Olivares gravou cun imposto especial cada oliveira galega, para favorecer os seus intereses olivareiros en Olivares, Sevilla. 
A limitación á produción foi pois unha decisión política e
de planificación económica. Agora si que se ían arrincar as oliveiras que, até entón, e como nos lembra Sarmiento no século seguinte se estendían “ Desde El Bierzo y hasta el mar Océano, siguiendo el curso del Sil, solo o ya incorporado con el Miño" confirmando que a maior produción de olivas está polos vales de Quiroga, Valdeorras e tamén por Monforte e Tui, se ben se estendía até Betanzos e Viveiro.
Non é a miña pretensión facer un estudo da evolución da produción de aceite na Galiza. Tampouco este é o lugar. Mais si quero salientar que coas limitacións impostas á produción, especialmente por Olivares, Conde-Duque, ábrese unha constante na política española con respecto á planificación da economía galega. Tomaranse decisións que nos impiden producir, primeiro aceite, logo leite, despois barcos, sardiñas... 
Que máis dá. O importante é que fique de manifesto que a metrópole ten capacidade, e vontade, de establecer, de fixar, as circunstancias e os contextos produtivos da colonia. 
Con aceite ou con leite; con peixe ou con barcos é o de menos.





No hay comentarios:

Publicar un comentario