Víctor
Lantes, fillo duns taberneiros da Coruña, manexou un morteiro nos bosques de
Francia fronte aos tanques Panzer do exército alemán. Ángel Rodríguez Leira,
alcumado Cariño López, tomou parte na liberación de París e no asalto da
residencia do Führer. Loitaron unha guerra de nove anos contra o fascismo.
Combateron a Franco e a Hitler. Perderon na casa e gañaron fóra. Nunca volveron
estar ao sur dos Pireneos.
Memoria Histórica | Arturo Losada | 11-03-2015 |
Imaxe: Evelyn Mesquida.
Ángel Rodríguez Leira naceu en Cariño en 1914. Traballou
como percebeiro e mariño, foi militante da CNT, casou e tivo dous fillos, Ángel
e Marina. E logo estalou a Guerra Civil. Foi recrutado á forza polos sublevados
e obrigado a vestir o uniforme dos sublevados. Pero foi por pouco tempo, xa que
desertou en canto puido para loitar co bando leal canda outro cariñés, Antonio
Yáñez, o Gharepo.
En marzo de 1939 víronse acurralados en Alacante, unha das
últimas provincias en caer. Con outros cinco compañeiros, saíron de Guardamar
del Segura nunha barquiña que era «case unha patera», segundo conta un dos
netos de Ángel, Andrés Alonso. Enchérona de laranxas e cruzaron o Mediterráneo
en catorce días, ata chegar a Beni Saf, na Alxeria francesa. Como moitos outros
exiliados republicanos daquela altura, foron considerados perigosos polas
autoridades e internados no penal de Suzzoni.
Segundo recolle Alicia Alted no libro La voz de los
vencidos, Suzzoni era unha antiga fortaleza convertida en cárcere, carente de
todos os servizos básicos, onde foron recluídos uns 300 republicanos. Un deles,
o aviador Joaquín Tarazaga, lembraba: «O réxime era moi austero, só nos daban
un pan para cada catro, lentellas e rutabaga —un tipo de nabo—. Cando me
internaron, en abril de 1939, pesaba 67 quilos, e en decembro, cando me evadín,
só 35». Tamén os dous amigos galegos tentaron escapar daquel inferno en dúas
ocasións, sen éxito. A saída non lles chegou ata 1942, cando os alistaron, de
novo pola forza, nos Corpos Francos de África. O exército dos EUA viña de
desembarcar en Marrocos e Alxeria e as colonias francesas apresuráranse a
baleirar os campos de prisioneiros para formar este batallón co que plantarlle
cara ao Afrika Korps de Rommel.
O país galo vivía entón unha esquizofrenia, entre a submisión
colaboracionista do réxime de Vichy e a resistencia da «Francia Libre» dos
partidarios do exiliado De Gaulle. A chegada dos americanos fixo que ninguén
quixese ser tomado por vichista. Porén, estes Corpos Francos disolvéronse
axiña, tras algúns combates en Tunisia. Ángel e Antonio escolleron entón
alistarse co xeneral Leclerc, que viña de loitar por toda África baixo a
bandeira da Francia Libre. Polo seu prestixio gañado na batalla, foi escollido
para comandar a 2ª División Blindada, unha unidade de nova creación dentro do
exército do xeneral Patton. Formábana 14.000 homes de 32 nacionalidades, e uns
2.000 eran republicanos españois. Os dous fuxidos de Cariño remataron na 9ª
Compañía, La Nueve, case toda formada por veteranos da Guerra Civil. Ángel
Rodríguez Leira pasou a empregar o nome de Cariño López, para ocultar a súa
identidade e deixar sinalado o seu lugar de orixe. Era unha práctica habitual
entre os soldados, e mesmo nos mandos. O propio Leclerc escondía o seu nome
real, Philippe de Hauteclocque, para aforrarlle á súa familia posíbeis
represalias dos vichistas.
A 2ª División Blindada trasladouse a Escocia, antes de
desembarcar en Normandía a comezos de agosto de 1944, dous meses despois do Día
D, coa zona xa asegurada para permitir o paso dos blindados. A 9ª Compañía,
integrada por homes con experiencia en combate, foi sempre na vangarda. Era
unha unidade motorizada, que transportaba armamento antitanque nuns veloces
half-tracks todoterreo. Os soldados pintáronlles a bandeira da República española
e bautizáronos con nomes de batallas da Guerra Civil, como Madrid, Ebro,
Guadalajara ou Brunete. Cariño López viaxaba na Guernica, e non tardou en
facerse un nome pola súa puntería co canón do 57.
Así o conta o capitán Raymond Dronne, o oficial francés ao
mando desta compañía de exiliados. Nas súas memorias, Carnets de route d’un
croisé de la France Libre, reivindicaba o papel dos republicanos españois na
loita pola liberación de Francia, «impulsados por un enorme desexo de revancha
e de vitoria». Nelas eloxia a habilidade de Cariño López para rebentar
blindados alemáns, e defíneo como «un home de gran sangue frío». Tivo que
demostralo ben cedo. O 19 de agosto, La Nueve contivo unha división enteira da
SS na vila de Écouché, nunha durísima batalla. Cariño López estivo 24 horas sen
afastarse do seu canón, no que «gravaba unha esvástica por cada tanque que
destruía», segundo o seu neto Andrés.
Na noite do 24 de agosto, esta unidade sería a primeira en
entrar en París e chegar ate o Hôtel de Ville, a sede do concello. Aló, un
sorprendido tenente valenciano, Amado Granell, atopouse co líder da
resistencia, Georges Bidault, e a foto dese encontro apareceu na portada do
xornal Libération. En dous días, a capital foi liberada, nunha vitoria que
marcou o principio da fin da Guerra. Aqueles half-tracks de estraños nomes
tiveron un lugar destacado no desfile triunfal polos Campos Elíseos.
Nas semanas seguintes, a compañía pagou un alto custo en
vidas para conter os alemáns na beira do río Mosela, cubrindo o avance do resto
da división. O cabo Cariño López volveu ter un papel destacado: destruíu cinco
Panzer en cinco disparos. O 26 de setembro de 1944 foi condecorado en Nancy
xunto ao subtenente Miguel Campos e o sarxento Fermín Pujol, por Charles De
Gaulle en persoa. O mesmo De Gaulle que logo afirmaría que na liberación de
París só participaron franceses. A condecoración debeulle ser amarga ao galego:
catro días despois vería morrer o seu amigo Ángel Yánez, nun ataque sobre a
vila alsaciana de Vaqueville, con outros dous compañeiros.
O percebeiro chegou a sarxento e loitou aínda na liberación
de Estrasburgo, onde o frío era un inimigo tan perigoso coma os alemáns.
Quedaban xa poucos dos homes que se alistaran en Alxeria. Raymond Dronne
explicou que «tras cada combate, os baleiros enchíanse con mozos franceses,
case todos carentes de instrución militar. Os vellos loitadores tomaban baixo a
súa protección estes recrutas inexpertos, formándoos e protexéndoos;
comportábanse como pais preocupados». Ao final da guerra, só 16 dos 156de La
Nueve volveron á casa con vida.
A súa última parada bélica estivo no Niño de Aguias, o
refuxio dos altos cargos nazis. Estaba situado na vila alpina de
Berschtesgaden, ao sur de Salzburgo, e defendido polos últimos efectivos das
SS. Moitos deles eran pouco máis que adolescentes animados polo fanatismo, pero
non por iso a batalla resultou máis suave. Os americanos chegaron primeiro á
vila, pero os homes de Leclerc foron os que tomaron o Niño de Aguias, e fixeron
ondear nel a bandeira francesa o 5 de maio de 1945. O artilleiro cariñés estivo
presente, e saíu de alí cun reloxo de ouro que aínda hoxe segue na casa dunha
das súas fillas.
Ángel gañou en Europa a súa gran guerra contra o fascismo,
pero este seguía na casa. Non retornou nunca a España, sabedor de que aquí o
agardaba un pelotón de fusilamento ou un tiro na caluga. Ficou en Francia, onde
casaría e tería outras dúas fillas antes de morrer en París en 1979. Dende 2010
unha placa lembra en Cariño este veterano da loita pola liberdade. Na vila
viven aínda os seus fillos galegos e algúns dos seus netos.
[...]
No hay comentarios:
Publicar un comentario