domingo, 8 de marzo de 2015

MANIFESTO DE 10 DE MARZO DIA DA CLASE OBREIRA GALEGA 2015



POLO EMPREGO E A XUSTIZA SOCIAL
Cada 10 de marzo, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) conmemora o Día da Clase Obreira Galega. Nesta data lembramos os tráxicos sucesos acaecidos tal día de 1972 en Ferrol e que conmocionaron o mundo do traballo no noso país. Naquela xornada —tamén nun contexto de grave crise—, unha manifestación obreira que reclamaba melloras sociais e económicas amais das liberdades furtadas pola ditadura, era reprimida coa forza das armas. Houbo centos de feridos e dúas vítimas mortais, os compañeiros das CCOO Amador Rey e Daniel Niebla, a quen sempre levamos connosco.
 Os datos económicos do último ano evidencian que aínda falta moito, moitísimo, para que a crise sexa só unha funesta lembranza. Ben que no estado se percibe unha lixeira recuperación do emprego, en Galicia continúa a destrución de postos de traballo. Segundo a enquisa de poboación activa do 2014, a galega foi unha das tres únicas comunidades autónomas con datos negativos neste aspecto. Malia ser esta unha realidade abondo constatada, a Xunta segue sen asumila e teima en aplicar políticas de recorte que afastan cada vez máis o noso país do camiño da recuperación.
Desde o inicio da crise, no terceiro trimestre do 2008, destruíronse 216.000 postos de traballo nunha Galicia con máis de 260.000 persoas desempregadas e case 90.000 fogares con todos os seus activos no paro. A situación é dramática e sitúa o país moi preto da emerxencia social. Mais a  Xunta  négase  a  admitilo.  Non  hai  brotes  verdes  nin  luz  ao  final  do  túnel;  imposible  a recuperación mentres a Administración autonómica rexeite o cambio de políticas, mentres non aposte pola reactivación da economía —e con ela, do emprego— no canto de recortar sobre o xa recortado.

O único que «funciona» é a reforma laboral, que cumpre perfectamente o obxectivo para o que foi deseñada: volver máis precario o emprego, abaratar o despedimento e debilitar a negociación colectiva. Desde que entrou en vigor hai máis de dous anos, esta reforma non fixo máis que substituír emprego indefinido por temporal e xornadas de traballo a tempo completo por outras a tempo parcial.
Con todo, o derrubamento da poboación activa é o maior lastre do mercado laboral galego, que cada  vez  abandonan  máis  persoas,  moitas  para  marcharen  do  país;  todo  pola  falta  de expectativas de atoparen un emprego ou desenvolveren un proxecto de vida.
Non satisfeita coa reforma laboral, a patronal segue apostando por unha competitividade que asenta na precariedade laboral e nos baixos salarios, receita caducada que non deu resultados desde o comezo da crise. Os empregos precarios con baixos salarios nin apuntalan as empresas nin favorecen o consumo nin a recuperación da actividade. Hai que cambiar de políticas económicas, hai que reparar os estragos da crise e hai que recuperar os salarios e as pensións. A patronal debe comprometerse coa saída da crise. Cunha saída da crise con emprego e con xustiza social.
Hoxe, como hai 43 anos, a loita obreira é o instrumento para defender os dereitos laborais e a cidadanía. Temos probas disto moi preto, como no conflito de Lantero, onde traballadoras e traballadores unidos conseguiron facer fronte ás pretensións da dirección da empresa. Tamén a campaña pola renda mínima garantida, que busca a protección dos sectores máis débiles da sociedade. Esta forza coñécena e témena tanto o Goberno como os grupos de presión que o apoian, de aí o ataque indiscriminado contra calquera grupo social organizado en xeral e os sindicatos en particular.
Esta estratexia non é suficiente, porque os sindicatos non abandonamos a loita. Por iso nos perseguen con máis forza no centro mesmo do conflito colectivo, o que deu como resultado que centos de compañeiros e compañeiras de todo o estado se enfronten á petición de penas de cárcere polo único «delit de defenderen os dereitos da clase traballadora. En moitos casos, a xustiza acaba por recoñecer que non houbo delito ningún, polo que o Goberno do estado se viu obrigado a modificar as leis ao seu antollo para lograr, desta vez si, que haxa condenas. A reforma do Código penal e a Lei de seguridade cida están pensadas para acabar coas poucas garantías xudiciais con que contamos, concibidas para que a sanción administrativa sexa a norma e, mediante elevadas sancións tanto económicas como de privación de liberdade—, intentar amordazar calquera forma de protesta social.
O escenario lémbranos tempos que xa criamos superados, tempos que se conxugan en pasado. Agora,  coma  daquela, as Comisións Obreiras temos  a misión  de facer que  a inxustiza  e  a desigualdade de hoxe volvan ser un mal recordo.
A loita pola xustiza social continuará mentres levemos connosco o exemplo e a lembranza dos compañeiros Daniel e Amador.

VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario