jueves, 25 de julio de 2013

O SINDICATO DE MAQUINISTAS ASEGURA QUE "OUTRO SISTEMA DE FREADO" TERÍA EVITADO O SINISTRO DE ANGROIS



 As vías do comboio deixan de ter instalado o sistema ERTMS, propio da alta velocidade, a catro quilómetros da chegada á estación de Compostela, xustamente á altura de onde se produciu o accidente ferroviario

B.V hai cerca de 10 horas 
 Sistema ERTMS

"Outro sistema de freado no tren tería evitado a traxedia". Así o manifestou nun comunicado de imprensa o director xeral do sindicato de maquinistas e axudantes ferroviarios (Semaf), Juan Jesús García Frailes, convencido de que se o comboio sinistrado tivese instalado o sistema ERTMS, propio da alta velocidade "e que non depende tanto do factor humano" o accidente de Angrois non se produciría.

"Non entendo por que" o Alvia que cubría o traxecto entre Ferrol e Madrid non tiña instalado este dispositivo, "máis efectivo e automático", fronte ao ASFA, máis antigo e que non é capaz de almacenar coa mesma precisión información referida á via, ás condicións de circulación e ao propio comboio.

Malia que o condutor recoñeceu nunha comunicación coa estación de Compostela --realizada por radio e namentres se atopaba atrapado na cabina do vehículo-- que viaxaba a 200km/h no tramo anterior á curva onde se produciu o sinistro, polo que non lle deu tempo a frear e a tomou a 190km/h cando o linde de velocidade está fixado nos 80km/h, desde o sindicato Semaf informan de que o traballador non era unha persoa sen experiencia, senón que coñecía ben o trazado e que levaba facendo ese percorrido desde 2011, cando foi inaugurado polo ministerio de Fomento.

García Frailes confirmou tamén que non foi posíbel abrir aínda a caixa negra do comboio sinistrado. "Fai falta tensión para a poder abrir" polo que o xuíz encargado das investigacións ordenou colocala noutro tren para poder dar leitura aos dados que almacena. O tramo en que se produciu o sinistro é liña de tren convencional. Porén, catro quilómetros antes, é alta velocidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario