Redacción | @prazapublica
Oficina de emprego
Dominio público
Galicia é unha das tres únicas comunidades autónomas
onde o paro aumentou no segundo trimestre do ano,
segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos
polo INE. O número de desempregados incrementouse un 0,26% no país, malia que
no conxunto do Estado baixou en 225.200 persoas, un 3,6% respecto ao trimestre
anterior, situándose o número total de desempregados en 5.977.500 persoas, por
baixo, por tanto, da cota do seis millóns de parados.
No último ano, o paro aumentou en Galicia nun 4,45%,
rexistrándose así 12.300 desempregados máis que hai doce meses, unha taxa
interanual que achega o país á media estatal.
Así, a taxa de paro caeu ao peche de xuño no Estado
até o 26,26%, porcentaxe nove décimas inferior ao do primeiro
trimestre (27,1%). O descenso do desemprego rexistrado no segundo trimestre
deste ano é o máis acusado neste trimestre desde que empezou a crise. De feito,
en todos os segundos trimestres desde 2007 o paro rexistrou subidas, con
excepción do segundo trimestre de 2011, cando baixou en 76.500 persoas.
No último ano, o paro incrementouse un 5%, con
284.500 desempregados máis, mentres que se perderon 633.500 ocupados, un
3,6%. No segundo trimestre deste ano creáronse 149.000 empregos (+0,9%), no que
foi o segundo mellor trimestre desde que estalou a crise, tras o de 2011, cando
se lograron xerar 151.400 postos de traballo.
Todos os empregos creados entre abril e xuño
pertencían ao sector privado, que rexistrou un incremento da ocupación de
151.600 persoas, mentres que o emprego público reduciuse en 2.600 persoas. No
segundo trimestre de 2013, o número de asalariados incrementouse en 111.900
persoas (+0,8%), todos eles con contrato temporal, xa que os indefinidos
reducíronse en 50.400 neste período (-0,5%).
Fonte: http://praza.com/
No hay comentarios:
Publicar un comentario