Terceira feira, 08 de
Outubro do 2014
Non vou
polemizar sobre a elección pola Real Academia Galega (RAG) de Xosé Filgueira
Valverde como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015, mais as declaracións
políticas do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, con motivo desa
elección non poden quedar sen resposta. Nunha entrevista en El País de
21 de setembro de 2014 Alonso Montero define a Filgueira Valverde como
“erudito, polígrafo e sabio” e, a continuación, manifesta: “Filgueira
tecnicamente nunca fue franquista”.
"Non é a primeira
vez que se intentan camuflar os servizos ao franquismo como unha cuestión
técnica ou presentar a franquistas como tecnócratas".
Que quere
dicir iso de “tecnicamente”? Non é a primeira vez que se intentan camuflar os
servizos ao franquismo como unha cuestión técnica ou presentar a franquistas
como tecnócratas. Cando participei nunha Comisión de Expertos no concello da
Coruña para a eliminación da simboloxía franquista estaba sobre a mesa a
retirada da distinción como “Fillo Adoptivo da Coruña” de numerosos ministros
de Franco, entre eles Manuel Fraga, e tiven unha polémica pública con Juan José
Sánchez Arévalo, daquela vicepresidente do Ateneo Republicano. Sempre defendín
que Fraga non merecía esa distinción, concedida en 1968, polos seus servizos á
ditadura franquista. Sánchez Arévalo defendía ou desculpaba a Fraga porque
estaba entre aqueles que “participaron como tecnócratas, administradores o
servidores ministeriales de un régimen dictatorial”.
Non sei se
para o presidente da RAG Filgueira era un tecnócrata, mais o que está claro é
que foi un servidor do franquismo, é dicir, dunha ditadura criminal, como
recollía a Resolución 39 da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946:
“De acordo coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de
Franco é un réxime Fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a
fascista de Mussolini”.
"Foi un servidor
do franquismo, é dicir, dunha ditadura criminal, como recollía a Resolución 39
da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946"
Para
xustificar o seu discurso, é dicir, que Filgueira non foi un alcalde
franquista, Alonso Montero declara: “Fue alcalde de Pontevedra del 59 al 68,
pero era una época en que el franquismo ya no era muy duro”. “Fue alcalde
porque muchos amigos le instaron, casi le obligaron”. Na ditadura non nomeaban
como gobernadores ou alcaldes a calquera, senón a aquelas persoas de probada
fidelidade á causa, pero o presidente da RAG desculpa a Filgueira porque “casi
le obligaron”.
O camarada
Alonso Montero, que está moi ben de memoria a pesar da súa idade, esqueceu que
nese período a represión fascista era feroz. Un marxista e comunista de toda a
vida debería lembrar que en 1963 foi asasinado o camarada Julian Grimau,
dirixente do PCE, e ese mesmo ano executados a garrote vil os anarquistas
Francisco Granado e Joaquín Delgado. A xuíza arxentina María Servini ten aberta
unha causa por estes crimes contra a humanidade. E Xosé Filgueira non sabía
nada deses crimes.
"Un marxista e
comunista de toda a vida debería lembrar que en 1963 foi asasinado o camarada
Julian Grimau, dirixente do PCE, e ese mesmo ano executados a garrote vil os
anarquistas Francisco Granado e Joaquín Delgado"
En 1966 era
detido o camarada Marcelino Camacho, dirixente de CCOO, e ese mesmo ano
creábase Tribunal de Orde Pública (TOP) para reprimir a miles de persoas por
manifestación ou asociación ilícita, entrre outras cousas. O goberno pecha as
universidades de Madrid e Barcelona e moitos profesores, como Enrique Tierno
Galván, Luis López Aranguren e Agustín García Calvo eran separados das súas
cátedras. Aproveitando a Lei de Prensa e Información, promulgada polo ministro
franquista, Manuel Fraga, pechan xornais e multan a xornalistas; desde 1966 até
1975 foron abertos 1.270 expedientes a distintas publicacións e 405 acabaron en
sanción. O subdirector de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla foi
multado con 50.000 pesetas en 1968 e ese mesmo xornal era multado en seis
ocasións entre os anos 1967 e 1968. A ditadura declaraba estados de excepción
para aumentar, aínda máis, a represión. O abade de Montserrat era obrigado a
exiliarse por criticar o réxime franquista en Le Monde… Para Alonso
Montero todo isto “no era muy duro”. Filgueira Valverde, que foi alcalde de
Pontevedra de 1959 a 1968, non sabía nada disto, dedicábase a facer obras de
caridade e, segundo Alonso Montero, “utilizó el franquismo para hacer desde dentro
el máximo bien a quien sea y ayudar a aquellos que tenían dificultades”.
Alonso
Montero tamén esquece que cando ese franquismo “ya no era muy duro”, o
ministerio de Información e Turismo do “camarada Fraga” prohibía a difusión de Sempre
en Galiza. O escritor Alberto Míguez era multado con 50.000 pesetas e
condenado polo TOP a seis meses de cárcere pola publicación en 1965 de El
Pensamiento político de Castelao. E Xosé Filgueira non sabía nada.
"Alonso Montero
tamén esquece que cando ese franquismo “ya no era muy duro”, o ministerio de
Información e Turismo do “camarada Fraga” prohibía a difusión de Sempre
en Galiza"
Ademais de
alcalde, o homenaxeado Filgueira Valverde foi procurador nas Cortes franquistas
e estaba alí cando estas designan en 1969 o príncipe Juan Carlos como sucesor
de Franco na Xefatura do Estado. O mesmo Alonso Montero recoñece na citada
entrevista: “Estuvo en una comisión depuradora de bibliotecas. Pero no mandó
quemar libros como hicieron los falangistas”. É dicir, só participaba na selección
dos libros que había que queimar e eran os falanxistas os encargados de acabar
o traballo.
Alonso
Montero pode defender a Filgueira Valverde como colega e como padriño do seu
ingreso na Real Academia Galega en 1993, mais o seu discurso político é impresentábel
e pode servir como argumento para lexitimar un franquismo que “ya no era muy
duro” e para lexitimar a actuación de persoas que dedicaron moitos anos da súa
vida ao servizo dunha ditadura criminal.
Fuente: http://www.sermosgaliza.gal/
No hay comentarios:
Publicar un comentario