jueves, 9 de octubre de 2014

GOBERNO DE COALICIÓN PP-PSOE “SI EL PAÍS LO NECESITA”


Terceira feira, 08 de Outubro do 2014
Unha referencia histórica do socialismo español como Felipe González xa se pronunciou por un goberno de coalición PP-PSOE  “si el país lo necesita”. Miguel Arias Cañete, número un da lista do PP nas eleccións europeas, falaba tamén dunha posíbel coalición “si el interés general lo exige en el futuro”.
Nese previsíbel panorama político, é posíbel un goberno de coalición PP-PSOE porque non hai hoxe grandes diferenzas entre eles nos grandes temas e porque até agora coincidiron no seu posicionamento ante os graves problemas do Estado español
Os resultados das eleccións europeas e os datos das enquisas indican que nin PSOE nin PP poderían gobernar en solitario e que non chega con sumar os votos de UPyD. Os votos dos partidos nacionalistas, de Podemos e IU poderían ser determinantes na configuración das novas maiorías para gobernar. Nese previsíbel panorama político, é posíbel un goberno de coalición PP-PSOE porque non hai hoxe grandes diferenzas entre eles nos grandes temas e porque até agora coincidiron no seu posicionamento ante os graves problemas do Estado español.
Non é verdade que “PSOE e PP a mesma merda é”, como se escoita nalgunha manifestación. Aínda máis, creo que difundir ese tipo de mensaxes non beneficia en nada a mobilización cívica para derrotar á dereita, mais tamén é verdade o que dicía Juan Carlos Monedero: “PP y PSOE no son la misma mierda, pero cagan parecido”. A patronal está encantada con moitas das medidas que tomaron os gobernos do PP e PSOE e por iso apostan claramente por un sistema político sustentado no bipartidismo e na alternancia no goberno deses partidos.
A colaboración do PP e PSOE para impedir que gobernen os nacionalistas ou un goberno de coalición de PSOE, nacionalistas e IU, non é nada novo
A colaboración do PP e PSOE para impedir que gobernen os nacionalistas ou un goberno de coalición de PSOE, nacionalistas e IU, non é nada novo. UPN e PP teñen 23 deputados en Navarra (dun Parlamento de 50), pero desde Madrid impediron un Goberno presidido polo PSOE en coalición con nacionalistas e IU. En Pamplona goberna en minoría UPN-PP (13 concelleiras/os de 27) e tamén podería haber un goberno alternativo, con alcalde ou alcaldesa de Nafarroa Bai, pero o PSOE prefire que o alcalde sexa da dereita.
Na Unión Europea PP e PSOE coinciden no 70% das leis que se votan no Parlamento Europeo. Os seus dirixentes practican a mesma política de “portas xiratorias”
Na Unión Europea PP e PSOE coinciden no 70% das leis que se votan no Parlamento Europeo. Os seus dirixentes practican a mesma política de “portas xiratorias”, é dicir, pasan a ocupar postos nas principais empresas do país, cuns ingresos escandalosos, despois de abandonar o goberno. Aznar fichaba como conselleiro de Endesa e Felipe González de Gas Natural-Fenosa. O ex–ministro do PSOE, Pedro Solbes, foi conselleiro de Enel (empresa italiana que ten o 92% de Endesa) até maio de 2014. A ex–ministra do PSOE, Elena Salgado, fichaba como conselleira de Chilectra, filial chilena de Endesa. Luis Atienza, ministro socialista de Agricultura até 1996 acabou como director de Red Eléctrica. Narcis Serra, vicepresidente do goberno de Felipe González, chegaba a presidir Caixa Catalunya. O ex–ministro do PP, Ángel Acebes, é membro da Comisión Executiva Delegada de Iberdrola. José María Michavila, ministro de Xustiza con Aznar, fichaba como conselleiro de Noatum (JP Morgan). Dirixentes do PP (as ex–ministras Isabel Tocino e Ana Palacio, e Antonio Hernández Mancha, que foi secretario xeral do PP) son membros do consello de administración de Enagas, compañía que xestiona o transporte de gas natural. Como van lexislar estes políticos do PP e PSOE en contra dos intereses desas empresas?
Xuntos reforman o artigo 135 da Constitución, sen consultar á cidadanía, obedecendo os ditados de Merkel e da Troika
Xuntos reforman o artigo 135 da Constitución, sen consultar á cidadanía, obedecendo os ditados de Merkel e da Troika. Estiveron de acordo no rescate da banca. Protagonizaron a privatización das principais empresas de titularidade pública. Os recortes sociais do Goberno de Zapatero continuaron co goberno de Rajoy.
Coinciden, na práctica, na defensa dun estado confesional e despois de 37 anos de democracia, tanto PSOE como PP mantiveron as subvencións e os privilexios da igrexa católica.
Están por fortalecer o Estado centralista e non defenden o dereito das nacións a decidir sobre o seu futuro. Teñen o mesmo discurso sobre o problema de Cataluña: non se pode permitir unha consulta para que a cidadanía poida votar en Cataluña. Néganse a cambiar o sistema electoral, que está deseñado para favorecer o bipartidismo e que prexudica ás minorías.
O PSOE maniféstase, oficialmente, en contra dun goberno de coalición co PP porque está en período de lanzamento do seu novo líder. Xa veremos que pasa despois das eleccións xerais de novembro de 2015
Nin PSOE, nin PP tomaron medidas lexislativas en profundidade para acabar coa corrupción. Son partidos monárquicos, é dicir, consideran que o futuro do Estado español é unha monarquía e non apoian a celebración dun referendo para que o pobo decida sobre monarquía o república.
Consideran a Lei de Amnistía como unha lei de punto final e nunca permitiron unha investigación xudicial sobre os crimes do franquismo. No concello de Vigo, PSOE e PP alíanse para impedir a execución dunha sentenza xudicial, que permitiría o derribo dunha cruz inaugurada por Franco.
O PSOE maniféstase, oficialmente, en contra dun goberno de coalición co PP porque está en período de lanzamento do seu novo líder, Pedro Sánchez, e falar hoxe de acordos ou goberno de coalición hipotecaría a súa recuperación electoral. Xa veremos que pasa despois das eleccións xerais de novembro de 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario