29 de novembro do 2014
A columna do norte, polas rúas de Compostela
Contra os desafiuzamentos
Bombeiros da Coruña, chegando á praza entre aplausos
"Seguiremos a loitar e a medrar e aquí, ninguén
sobra". Quen fala é Roberto Rivas, o bombeiro da Coruña cuxo
nome saíu do anonimato ao negarse a desaloxar a anciá Aurelia Rey e a quen
este sábado, convertido nun símbolo da loita contra os desafiuzamentos
lle tocou, nas súas propias verbas, o "marronazo" de poñerlle voz ao
manifesto das Marchas da Dignidade que confluíron na compostelá Praza do
Obradoiro. "A unidade dános forza", "cada enfrontamento entre
nós, as organizacións sociais e políticas da esquerda, é unha vitoria para o
réxime", proclamou Rivas ante unha praza que tornou nunha caste de mar de
bandeiras de tantas cores como loitas confluíron, de novo, baixo o lema
"pan, traballo e teito".
Na estela das mobilizacións iniciadas a pasada primavera as cinco
columnas que camiñaron cara á capital transitaron polas
rúas de Compostela xunto a persoas diversas que, a título individual ou
colectivo, decidiron secundar a convocatoria contra a que, din, é unha
"gran estafa provocada polo poder económico para manter os seus
insultantes privilexios". Bandeiras galegas con e sen estrela e enseñas
da II República Española mesturáronse cos símbolos de organizacións políticas
como Anova, Esquerda Unida ou Podemos e sindicatos como a CUT, o STEG ou a CNT.
Ao seu carón, a Marcha Mundial das Mulleres, o movemento veciñal ferrolán que
se opón á permanencia de Reganosa na ría, persoal da CRTVG e de Correos na
loita polos seus dereitos, traballadores afectados polo amianto, colectivos de
defensa das persoas con discapacidade, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca
ou Stop Desafiuzamentos, entre outros grupos.
Todos xuntos encheron boa parte da céntrica praza
compostelá -o Concello colocou valados para impedir que os manifestantes se
achegasen ao Pazo de Raxoi-, á que acudiron nun ambiente a medio camiño entre a
reivindicación e a festa, ingrediente que se ocuparon de poñer artistas como o
grupo Habelas hainas ou os xa míticos Mini e Mero, así como o dramaturgo e
actor Cándido Pazó, que actuou como mestre de cerimonias para lembrar algunhas
das causas polas que, di, paga a pena entregar tempo e traballo. As verbas
de Pazó suscitaron os primeiros aplausos que medraron aínda máis ao chegaren á
praza os bombeiros da Coruña. "Os bombeiros si son compañeiros",
aclamaron.
O bombeiro Roberto Rivas púxolle voz ao manifesto e
diversas persoas achegáronse a el para darlle as "grazas"
Despois de que varios grupos de persoas se achegasen a
el para, simplemente, darlle as "grazas", Rivas accedeu ao escenario
para poñerlle voz ao manifesto contra "este sistema ruín e perverso"
contra o que, di cómpre "loitar para cambialo". "O inimigo
non é pequeno" e "ten o coñecemento científico, a educación e a
xustiza" pero "nós temos a nosa dignidade e unidade para
derrotalo". "Mentres non o derrotemos seguiremos a padecer os seus
crimes", tales como "nenos e nenas que pasan fame" ou
"bancos que botan á xente á rúa". "Estannos a deixar sen
pan, traballo e teito e non debemos nin o imos permitir, temos a obriga de
rebelarnos", tamén contra os que "non lles importa levar por diante
paraxes naturais únicos, facer minas descomuniais e perigosas ou autoestradas
que destrúan paraxes tan importantes como a Ribeira Sacra".
"Estannos a deixar sen pan, traballo e teito e
temos a obriga de rebelarnos"
Nesta "loita", explicou Rivas, os
"antagonismos" son un "freo".
Por iso, alén do manifesto, o bombeiro coruñés achegou o relato de Eduardo
Galeano sobre a Tecnología del vuelo compartido que, ao
seu xuízo, ben podería marcar o vieiro polo que o traballo da esquerda social
debería transitar. Nese texto o escritor uruguaio explica o xeito en que os
parrulos voan en forma de letra uve: "o primeiro parrulo que levanta o voo
ábrelle o paso ao segundo, que lle despexa o camiño ao terceiro" e
"cando cansa, o parrulo que fai punta baixa á cola e déixalle o seu lugar
a outro". "Todos se van turnando" e "ningún se cre
superparrulo por voar adiante, nin subparrulo por marchar atrás".
As Marchas preparan novas mobilizacións para o
vindeiro mes de marzo
A música ao vivo de Ataque Escampe serviu para
poñerlle o ramo -e para facer bailar a moitos e moitas das presentes- a unha
mobilización que terá o seu seguinte capítulo o vindeiro mes de marzo. "A
próxima cita é o 22 de marzo de 2015", confirma un dos voceiros das
Marchas en Galicia, Manuel Camaño, da CUT. Esa xornada "vai ser a seguinte
referencia de mobilización" nun formato aínda por determinar pero coa
intención de "sumar", que "é a única maneira de acabar coas
medidas destes desvergoñados". "Estamos chegando a unha istuación
sen precedentes á que lle hai que poñer couto" e "ese couto tenllo
que poñer a clase traballadora e os sectores populares de Galicia e do
Estado" mediante a "acumulación" das súas "forzas",
reclama.
Fuente: http://praza.gal/
No hay comentarios:
Publicar un comentario