sábado, 21 de febrero de 2015

CENTOS CONCÉNTRANSE CONTRA A MONARQUÍA NA VISITA DOS BORBÓNS Á CORUÑA




“Non nos representan” foi un dos berros máis repetidos polas arredor de catrocentas persoas que se concentraron diante do Museo de Belas Artes da Coruña para recibir os Borbóns. A concentración estivo controlada por un fortísimo control policial. 
M.L. xoves 19 de febreiro do 2015 hai cerca de 23 horas
Un forte despregamento policial controlou a concentración que, durante ben máis dunha hora, se desenvolveu diante do Museo de Belas Artes da Coruña que recibía os Borbóns para a inauguración da exposición “O primeiro Picasso” nesta tarde da quinta feira. 
  Convocada pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, a mobilización buscaba esixir aos monarcas un pronunciamento de condena da ditadura -Juan Carlos I evitou durante todo o seu reinado a máis mínima crítica a quen o puxo no trono-, a eliminación da simboloxía fascista e o recoñecemento das máis de 150.000 vítimas do xenocidio franquista, moitas delas aínda nas cunetas, segundo sinala o voceiro da organización. Querían lembrarlle a “vergoña” de que sexa precisamente Nacións Unidas quen sinale a falta de xustiza coa memoria histórica perpetuada tamén pola monarquía hereditaria ademais doutra serie de reivindicacións a respeito da recuperación e a xustiza coa memoria histórica que recolleron nunha carta dirixida a Felipe VI que previamente entregaron na delegación do Goberno. 
  "Un pisiño como o de Felipiño”
"Máis lacóns e menos Borbóns", "Que non nos representan", "Queremos un pisiño como o de Felipiño" foron algunhas das consignas que se corearon nunha concentración na que o dispositivo policial impediu que se achegara a menos de cen metros da entrada do Museo. 
“Reforma laboral para a casa real”, “A emigración, os Borbóns”, “O próximo parado o xefe do estado”, foron outros dos lemas contra a Casa Real nunha xornada na que tamén recibiron apupos o alcalde da cidade Carlos Negreira que escoitou o cualificativo de “corrupto” e o presidente da Xunta, Núñez Feijóo que entrou baixo os berros de “narcotraficante”.  
O BNG comunicou previamente que non aceptaría o convite a participar na inauguración oficial da exposición pola presenza dos Borbóns e advertiu que "a monarquía é un réxime incompatíbel co sistema democrático, por ser un réxime vitalicio e hereditario estabelecido pola graza de deus e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo, dado que aquí tamén foi pola graza de Franco."
Os Borbóns saíron do coche e, con rapidez, entraron na sede do Museo onde o acto de inauguración decorreu por espazo de máis dunha hora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario