domingo, 1 de marzo de 2015

ANTROIDO NA CORUÑA EN VERSOS GALEGOS



Día de Comadres, 22 de febreiro de 1860. Nevaradas que impiden ver chegar os barcos ao porto da Coruña. A praza de María Pita, que aínda non se chamaba así, é unha lameira. O Circo de Artesáns prepara o enterro da sardiña e Francisco de la Iglesia, como xa fixera antes, é o encargado de preparar as coplas que se han dicer no Teatro Principal. 
Xoán Costa  domingo 22 de febrero do 2015
 F. Goya. Enterro da sardiña

O antroido de 1860 foi frío, con nevaradas frecuentes, mesmo a ras de mar. Na Coruña, o 19 de febreiro amañeceu “todo branco, coma se fose o mundo amañado de málmore. Parecía un país do norte. Pro logo se derretiu, non sendo por Oza e máis por Elviña e montes de Santa Margarida. E anque sigue esfolerpando moitas veces no día, de xeito que se non atisvaban os barcos, non chegou a callar”. Iso si, foi suficiente para causar asombro entre a rapazada “Os meniños meus estaban parvos ó ver tal e á escola non viñeron máis de 15 en todo o día e outro, poucos máis. Con só pasar pola praza da Fariña, tanto era o que esfariñaba, que quedaban os sombreiros como se fosen os dos muiñeiros”
A cita anterior procede dunha carta de Francisco de la Iglesia datada na Coruña o día de comadres, 22 de febreiro de 1860. Nela dá resposta a outra de seu irmán Antonio, tamén escrita en galego. A carta de Francisco de la Iglesia, redactada en prosa e verso, foi dada a coñecer por Áurea Rey na revista conmemorativa Especial 25 aniversario do IES Menéndez Pidal da Coruña, en 1998.
Probabelmente a parte primeira, en verso, sexa reprodución, ou polo menos guión, do texto das cantigas que Francisco de la Iglesia preparaba para o día do enterro da sardiña. Versos de ton burlesco, como o propio Francisco recoñece: “Aquí como che dixen porparase un enterro no Liceu como o do ano pasado. Eu son o portal dos coxos e tiven que facer a antroidada dos versos, parte do sarmón vay en versos gallegos” 
"O antroido de 1860 foi frío, con nevaradas frecuentes, mesmo a ras de mar. Na Coruña, o 19 de febreiro amañeceu “todo branco, coma se fose o mundo amañado de málmore"
As sociedades de recreo
Nunha guía da Coruña, publicada en 1877 e na que se dan conta de todos os servizos que ofrece a cidade a esa altura, alén de nos propor rutas e paseos pola propia cidade, figura un apartado destinado aos denominados “Circos de Recreo”, isto é, sociedades destinadas ao ocio, e tamén á instrución, dos seus asociados.
É posíbel -dinos Antonio Coumes-Gay, autor da guía- que non haxa en España cidade que conte cun número de sociedades de recreo tan crecido como A Coruña, atendendo á súa poboación”. E cita as activas nese momento,
Circo recreativo é instructivo de Artesanos.
Tertulia de la Confianza.
Casino Coruñés.
Circulo de Gimnasia y Esgrima.
Sociedad Breton de los Herreros.
Liceo Artístico.
Liceo Brigantina
facendo fincapé en que todas teñen salas de xogos, gabinete de lectura, algunhas biblioteca e que alén diso ofrecen concertos, representacións dramáticas, brillantes bailes de máscaras e traxes, etc.
Entre todas estas sociedades corresponde ao Circo de Artesanos a organización das festas de antroido, facendo o chamado “enterro da sardiña” na noite do mércores de cinza, entretemento -en palabras do autor- “muy agradable al pueblo” onde os socios demostran sempre a súa ilustración e sensatez. O “Circo”, xa nesta altura transformado en Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos, foi fundado en 1847 e constituíu o principal baluarte da burguesía media da Coruña, con importante influencia política, especialmente na proxección pública dos aspirantes á alcaldía.
O enterro da sardiña
A preparación do enterro da sardiña levábaa a cabo o Circo de artesáns e o desenvolvemento escénico era, habitualmete, no teatro Principal. A composición das cantigas que se habían interpretar correspondeu, en 1860, a Francisco de la Iglesia. Dínolo el, na carta citada : ... viñéronme á catar para asistir ôs ensayos das cantigas que se han de botar no enterro da sardiña, que me fixeron compor e tiven que acabar como Dios me deu a saber no teu escribidoiro...” Non era a primeira vez que De la Iglesia asumía o papel de letrista para a festa do enterro da sardiña. Xa fora dous anos antes cunha “Canción epigramática” para o enterro da sardiña dedicada ao Recreo Artístico e Instructivo de Artesanos, unha composición acompañada con música de Jorge Yañez, e tamén un ano máis tarde, no 1861, coa composición presentada aos Xogos florais promovidos por López Cortón. Posiblemente na estrutura do discurso se combinase prosa e verso, galego e castelán. Así é polo menos o texto que conservamos de 1863, pronunciado, a modo de discurso fúnebre no Teatro Principal.
"Tamén o frío estivo activo neste antroido 2015 e, hoxe, como antes, as coplas satíricas seguen estando presentes nas festas do antroido, centradas máis en temas da prensa rosa ou de política".

Voltando á carta, nela están presentes, e seguramente foron obxecto de canto, ou de burla,  nas honras á sardiña, outros temas tanto de carácter
urbanístico como de infraestruturas. É o caso da actual Praza de María Pita, proxectada a mediados do século XIX co fin de resolver o paso da Cidade Vella á Pescadería e referida na carta como o Derrubo, un lugar polo que “non se pode pasar sin medo de quedar sin orellas, sin nariz ou cando menos derreado dos cadrís ou das sens”. A referencia á liña de ferrocarril é tamén outro dos elementos de denuncia neste enterro da sardiña de 1860. O camiño de ferro non chegará á Coruña até 1875 mais en 1858, a raíña Isabel II, de visita na cidade, puxo a primeira pedra do que daquela se chamou Estación do Príncipe Alfonso. 
Tamén o frío estivo activo neste antroido 2015 e, hoxe, como antes, as coplas satíricas seguen estando presentes nas festas do antroido, centradas máis en temas da prensa rosa ou de política. O enterro da sardiña e as comitivas fúnebres despiden os días de festa. 
Mais algo hai de diferente. É a promoción pública de desfiles, modelos e ambientes de outros carnavais, de outras latitudes. É a preferencia por un público espectador antes que protagonista. Tamén no antroido.




No hay comentarios:

Publicar un comentario