martes, 4 de noviembre de 2014

GALIZA: UNHA NACIÓN NO MUNDO OU UN PAÍS EN PERIGO DE DESAPARICIÓN?



Manuel López Foxo
Divulgador cultural
Terza feira,4 de novembro do 2014
A historia contemporánea de Galiza é a crónica de dúas correntes históricas radicalmente antagónicas: unha que procura a ocultación, a destrución e a desapación do feito nacional galego e outra que loita incansabelmente, desde a xeración de Antolín Faraldo, por reconstruír a identidade do país, por potenciar a súa lingua e a súa cultura e por dotar á nosa nación de institucións propias e de instrumentos que impulsen a democracia, o autogoberno, a soberanía política e o desenvolvemento económico do país. Son dúas forzas que, con diversas expresións, están permanentemente en conflito unha con outra desde 1840 até hoxe, dúas correntes que en constante enfrontamento constrúen e destrúen, tecen e destecen, a historia política e a realidade cultural, económica e social do pobo galego. 

"O nacionalismo galego sempre procurou facer país, ver a Galiza como un universo, contemplar o seu futuro como un país con lingua propia e cultura de seu, cunha potente economía produtiva, cunha sociedade viva e dinámica".
O nacionalismo galego  -e o galeguismo, coas matizacións que se queira-, sempre procurou facer país, ver a Galiza como un universo, contemplar o seu futuro como un país con lingua propia e cultura de seu, cunha potente economía produtiva, cunha sociedade viva e dinámica. No seu corpus teórico e na súa praxe política, o nacionalismo galego nunca deixou de construír unha Galiza que sexa suxeito político e que ocupe un espazo propio na Península e no mundo. Neste proceso da asunción da nosa realidade e de reforzamento da autoestima e da confianza en nós mesmos, foi sempre fundamental,  imprescindíbel, ademais da recuperación da memoria da nación, da reconstrución da personalidade colectiva, da galeguización da nosa sociedade, a galeguización da política galega. Polo contrario, todo o que significa españolizar a política que se fai en Galiza, movernos socialmente por ideas, organizacións e liderados que teñen a súa orixe na metrópole, ten un efecto demoledor sobre o noso proceso de autoafirmación como pobo, como nación. Nada resulta máis contraditorio que presentarse como defensores da Autodeterminación de Galiza ao mesmo tempo que se renuncia a que o eixo e o motor do compromiso político sexa Galiza, a súa sociedade, os seus problemas e o seu futuro como nación. Coller o porvir de Galiza nas nosas mans implica, desde logo, un compromiso político a través de forzas políticas propias e desde un proxecto de país pensado e definido desde aquí. 
"Estamos nunha difícil e complexa encrucillada histórica, onde as galegas e os galegos temos que optar entre situar a nosa nación no debate político ou colocarnos simplemente como cidadáns e cidadás do Estado español" 

Hoxe estamos, máis unha vez, nunha difícil e complexa encrucillada histórica, onde as galegas e os galegos temos que optar entre situar a nosa nación no debate político, cos seus problemas e cos seus dereitos, ou colocarnos simplemente como cidadáns e cidadás do Estado español na onda dun proxecto político que se estende radialmente desde o centro á periferia baixo a bandeira da loita contra a corrupción, da democratización e da rexeneración de España. A mesma encrucillada, por outra parte, coa que xa se atoparon en moitos outros momentos históricos as xeracións que nos precederon. A mesma encrucillada coa que aínda onte, no período da Transición, nos atopamos moitas e moitos de nós. E hai que optar. Galiza existe. Temos un país en constante hemorraxia social, que se desangra humanamente, destruído na súa base económica, coa súa lingua propia en alarmante retroceso, en perigo de extinción como lingua de instalación; un país á deriva política, cada vez con menos peso institucional como nacionalidade histórica. E somos moitos e moitas, afortunadamente, as persoas que queremos un país diferente, con futuro. E temos dúas opcións: non dar un só paso atrás na reivindicación política de Galiza, con dereito a estar no mundo como nación soberana, ou cruzarnos de brazos diante da desaparición de Galiza como suxeito político, deixando á intemperie os problemas e os dereitos do noso país, e, en definitiva, non facendo nada para que no momento no que se produza unha reforma do actual modelo de Estado teñamos voz e voto como nación. Isto é o que hoxe nos xogamos, máis aló da batalla contra a corrupción e máis aló das alternativas para saír dunha crise económica que está a levar á desesperación, á desprotección social e á fame a milleiros e milleiros de persoas. Cando chegue o momento de debater, concretar e aprobar o novo status político de Galiza, de Catalunya e de Euskadi, de definir a forma de Estado e o encaixe de cada unha destas nacións, pode acontecer que Galiza non exista nas Cortes como problema político. E disto só seremos responsábeis as galegas e os galegos. Está nas nosas mans que Galiza teña futuro como nación ou que desapareza politicamente como país. 
"Fai falla unha grande marea social polo país, pola reivindicación nacional de Galiza. E para lograr ese fin cómpre unha alternativa nacionalista sólida como a que hoxe representa o BNG"
É obvio que os nacionalistas galegos non dimitiremos nunca da nosa responsabilidade individual como cidadáns e cidadás da nación galega de erguer máis unha vez a Galiza por bandeira. O exemplo e a memoria de Alexandre Bóveda non nolo permite. Mais para impedir que Galiza quede fóra do centro do debate político nunha próxima reforma do modelo de Estado, para evitar o que xa sucedeu nos anos setenta, está claro que non é suficiente o corpo electoral que actualmente ten o nacionalismo. Hai que ir máis aló. Fai falla unha grande marea social polo país, pola reivindicación nacional de Galiza. E para lograr ese fin cómpre unha alternativa nacionalista sólida como a que hoxe representa o BNG, cun discurso nitidamente soberanista, pero tamén son precisas  voces que recuperen a memoria histórica da nación e a nosa autoestima como pobo, como a de Camilo Nogueira ou a de Francisco Rodríguez, ou voces como a de Anxo Quintana, que fagan comprensíbel a idea de Galiza en sectores sociais talvez alleos ao nacionalismo, mais non  hostís a unha visión galeguista da nosa realidade. Galiza precisa todo ese coro de voces, porque o reto de situar a Galiza no centro da preocupación da sociedade galega é certamente enorme. Saudemos, pois, todas as voces que se sumen ao debate nesa dirección. Hai traballo para todos. 

















No hay comentarios:

Publicar un comentario